Monday 06 de May de 2024

Moeche ten abertos catro procesos para a contratación de persoal temporal e a creación de bolsas de emprego


O Concello de Moeche ten en marcha nestes momentos ata catro procesos relacionados coa selección de persoal, nuns casos para contratos para prazas de carácter temporal que se contan cubrir en breve e por unha duración determinada e, noutros, para a elaboración de listas das que poder tirar no caso de baixas, vacacións ou permisos das persoas titulares de cada posto. Así, a Administración local publicou recentemente as bases para renovar a bolsa de emprego do Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas, que estará en vigor durante os próximos tres anos, e convocou novamente a bolsa de Auxiliar de administración, que recibiu 125 solicitudes. Nestes días, ademais, tamén se lle solicitaron ao SPEG dúas relacións de persoas desempregadas que cumpran os requisitos para seleccionar entre elas un ou unha Axente de Igualdade e outras dúas para facer labores de peonaxe e condución da maquinaria municipal, neste último caso dentro do Plan de Integración Laboral da Deputación da Coruña a través do que xa se contratou un condutor durante dez meses. Toda a información sobre os procedementos vaise actualizando e publicando a cada paso no apartado da web Bolsa de Emprego.

A alcaldesa, Beatriz Bascoy, comenta que os catro procesos que están en marcha -e en distintas fases da súa tramitación- pretenden “atender necesidades concretas do Concello” tanto nas áreas de Servizos como de Administración, coa engádega de que no caso dos contratos do PIL provincial “tamén se lle dá unha oportunidade, aínda que sexa de maneira temporal, a persoas que se encontran en situación de desemprego e nunhas circunstancias económicas difíciles”.

Neste sentido, o Plan de Integración Laboral da Deputación da Coruña permitiu contratar durante 10 meses un condutor do camión do lixo e outra maquinaria municipal. O proceso de selección fíxose solicitando do Servizo Público de Emprego de Galicia un listado de persoas que cumprisen as condicións reflectidas nas bases do programa provincial -entre elas ter o carné C- que logo deberon pasar unha baremación das súas circunstancias (avaladas por un informe social), a formación acumulada, a experiencia e o feito de ter participado con anterioridade en programas de emprego provinciais desenvolvidos en Moeche.

Ese mesmo procedemento -petición de listado de aspirantes ao SPEG e posterior baremación de méritos, formación e situación- será o que se leve á práctica na selección doutros dous contratos de 4 meses de duración para cubrir os postos temporais de condutor/a-maquinista e dun peón ou peoa de obras que reforcen o departamento de Servizos durante o verán.

“Por unha cuestión de inmediatez e de simplificar a tramitación administrativa, os programas de emprego provinciais e da Xunta dirixidos a persoas desempregadas convócanse solicitándolle ao SPEG un listado de aspirantes. Por iso é moi importante que todas as persoas que queiran acceder a seleccións futuras teñan ao día a demanda de emprego e tamén os méritos para os postos ofertados, que sempre son de condutor ou condutora ou para persoal de obras e servizos. Ter esa información actualizada no paro aseguraralles que o Servizo de Emprego Público de Galicia os inclúa no listado sobre o que despois o Concello fai a selección”, explica Beatriz Bascoy.

Bolsa do Centro de Interpretación
Alén da selección do PIL, o Concello tamén ten iniciado xa o proceso de renovación da bolsa de contratación para a atención no Centro de Interpretación da Revolución Irmandiña, vinculado a unha axuda da Deputación da Coruña. Neste caso seleccionarase a unha persoa que se ocupará da xestión e dinamización do centro -cunha xornada de 30 horas, sempre e cando exista financiamento provincial- e, ademais, crearanse unha lista por se fose necesario cubrir unha baixa, un permiso ou calquera outra incidencia que se puidese producir.

O proceso selectivo farase mediante un concurso-oposición ao que poderán presentarse persoas con titulación de grao universitario ou equivalente en Museoloxía, Arqueoloxía, Humanidades, Historia, Historia da Arte, Belas Artes, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural ou Turismo. Na fase de concurso baremaranse, entre outros méritos, os servizos prestados en instalacións similares, as titulacións e formación acreditada por universidades ou centros adscritos, ou os coñecementos doutras linguas a maiores do galego e o castelán.

Na parte de oposición, as persoas admitidas deberán superar dúas probas escritas, unha de carácter teórico e outra de carácter práctico, para avaliar a súa capacidade xestora de espazos museísticos e patrimoniais, como é o propio castelo de Moeche.

As bases poden consultarse nesta ligazón, mentres que nestoutra se encontra unha corrección de erros nas mesmas publicada con posterioridade.

Listas tamén para Auxiliar de Administración
O terceiro proceso aberto polo Concello -e o máis avanzado en canto á súa tramitación- refírese á creación da bolsa de contratación para un posto de Auxiliar Administrativo/a. No apartado Bolsa de Emprego da web municipal encóntrase a relación de documentos publicados desde que no outono pasado se lanzase esta convocatoria pública que permitirá contratar unha persoa con carácter de interinidade no caso de ser necesario para cubrir baixas, vacacións ou permisos do persoal administrativo municipal.

Ao proceso selectivo mediante concurso presentáronse un total de 125 persoas e o Concello acaba de publicar a relación de puntuacións obtidas por experiencia laboral e pola formación acumulada en relación co posto nos últimos 5 anos. Trala publicación da lista, agora abrirá un prazo de 5 días para que as persoas interesadas poidan presentar posibles reclamacións.

Axente de Igualdade
Por último, o Concello de Moeche tamén iniciará en breve o proceso selectivo para incorporar ao cadro de persoal un ou unha profesional que desenvolva as funcións de Axente de Igualdade, como por exemplo a aplicación de políticas transversais a todas as áreas municipais neste ámbito ou o impulso doutro tipo de accións orientadas á consecución dunha igualdade plena entre mulleres e homes no territorio.

O proceso levarase a cabo mediante a solicitude dunha relación de persoas aspirantes ao Servizo Público de Emprego de Galicia e, posteriormente, mediante concurso-oposición. A contratación será a media xornada ata finais de ano. Toda a información referida a esta convocatoria irá publicándose, igual cás outras, no apartado de Bolsa de Emprego de moeche.gal.